Artigo de divulgación: Como se fai a ciencia. / by Leonor Parcero

Este sábado publicouse un artigo que escribín para o caderno Aprender do Nós Diario, explicando de xeito moi resumido como imos construíndo o coñecemento científico.

O contido do mesmo podes lelo máis abaixo aquí ou descargar o PDF da publicación.

NosDiario_Portada_Aprender_ARtigo.png

[Artigo publicado orixinalmente no caderno Aprender do Nós Diario o 12 de setembro de 2020]

Vivimos días incertos, incómodos, pero tamén históricos e apaixonantes. Virámonos cara a ciencia buscando respostas e solucións a esta pandemia que tanto afecta á nosa vida e non atopamos certezas senón cambios de criterio constantes ofrecidos por diferentes investigacións científicas. Non nos ofrecen tratamento definitivo, non nos ofrecen vacina… case seis meses despois do noso confinamento, expertas e expertos de todo o mundo seguen discutindo se a transmisión se da por aerosois ou por pingas… Sabemos que está pasando? Estanos a fallar a ciencia? 

O coñecemento científico que posuímos é provisional e esta característica, moi ao contrario do que parece, é onde está a súa fortaleza. A posibilidade de investigar, probar e experimentar sobre o que demostraron outros, de modificar a “verdade científica” é o que fai posible o avance. Os fracasos, as probas, os erros, os cambios de criterio, forman parte da base sobre a que a humanidade constrúe o seu saber. Os avances dos que gozamos en todos os campos constrúense en equipo: medran sobre os coñecementos previos de persoas que dedicaron a súa vida a investigar para, unhas poucas veces, acertar e facer xirar a roda para a seguinte xeración. Os resultados que nos ofrece a ciencia son obras colectivas. “Podemos mirar lonxe porque subimos a ombros de xigantes”.

 O noso problema hoxe é a urxencia, a necesidade. Como de rápido se pode facer a ciencia? O método científico ten os seus tempos e calquera paso adiante ha ser comprobado e revisado para poder ser considerado rigoroso. Unha vez se obtén un resultado, este ha de publicarse nunha revista especializada en forma dos famosos papers (artigos), unha especie de informes cunha estrutura definida, en base aos cales calquera especialista podería repetir o experimento e obter os mesmos resultados, comprobando se é correcto ou non. Estes artigos, previamente á súa publicación, son revisados e analizados por persoas expertas, que determinan se o que alí se recolle é correcto. Unha vez publicado, considérase que o que conta está comprobado. 

 Este proceso é lento, de aí que durante estes meses teñamos oído tantas veces noticias baseadas en preprints: versións preliminares dos estudos, sen revisar por pares. Ás veces, axudan a acelerar os pasos necesarios para ser considerados ciencia comprobada, pero tamén contribúen ao ruído e á confusión no eido informativo.

 Estamos ante unha emerxencia e, ante ela, temos a resposta de toda a comunidade científica, que nos ofrece resultados a unha velocidade nunca antes vista. A xa coñecida historia do SIDA (cos primeiros casos descritos en 1981, tardáronse dous anos en descubrir que o causaba) a comparación co novo coronavirus, danos unha idea da magnitude do que se está a lograr. Non perdamos de vista que foi o 31 de decembro de 2019 cando se detectaron algúns casos dunha pneumonía atípica e o 7 de xaneiro xa se tiña identificado o virus e o seu xenoma estivo dispoñible tres días despois.  

 É o momento da ciencia, é o momento da cooperación e aquí, nas nosas institucións, tamén se traballa contra o reloxo buscando solucións que nos permitan seguir coas nosas vidas, coa maior normalidade, o antes posible. 

 Están en marcha proxectos, neste caso liderados ou participados pola Universidade de Vigo, que buscan a detección temperá do virus a través de métodos máis rápidos, baratos e fiables: estudos xenómicos para coñecer o camiño que fixo o virus en Galicia, estudos que analizan augas residuais para adiantarse aos brotes, modelos predictivos que acaben co problema na fiabilidade dos datos, sistemas de desinfección de espazos con drones, novos métodos de detección do virus en mostras combinadas… Todos eles en colaboración con outras universidades e centros de investigación galegos, de fóra do país e tamén estranxeiros, contando con financiación específica para esta crise, lograda en convocatorias extraordinarias moi competitivas.

 A ciencia, a cooperación e coordinación como única saída a este momento tan difícil.